“Ciudad inteligente es la que se encontraría en mejores condiciones para servir de escenario a la felicidad de los ciudadanos… la que se mantiene viva, estimulante y facilitadora su iniciativa y su acción.” (J.A. Marina, 2002).
Tras décadas escoitando falar do noso pasado “ilustrado” (termo pouco científico, en canto á moi dificil demostración no caso de Ferrol), compre xa avanzar e mirar cara o futuro; ou o que é o mesmo: situarnos na realidade do noso presente, para poder comezar a deliñar ese modelo de cidade que, realmente, poda levarnos cara un tempo mellor, tanto no eido social como no económico.
O termo de cidades intelixentes non é novo, abondan os estudos e os exemplos, quizais o máis cercano sexa o Foro que tivo lugar en Madrid: “Ser intelixentes, ser sostibles: reestructurando a cidade do mañá”. Un foro cuxo fin primordial non foi outro que o de reflexionar sobre unha xestión urbana máis sostible, tendo en conta as estratexias que diversas cidades europeas están levando a cabo por medio de políticas que fomentan as enerxías renovables e a eficiencia enerxética.
Pero quizais debamos facer unha pequena síntese máis ampla do que significa este termo, coa fin de que todos e todas podamos sumarmos, con ilusión, a ese proxecto común que, sen dúbida, beneficiará a quen estamos a habitar esta cidade.
Cidade intelixente é aquela na que a percura da felicidade e calidade de vida dos seus habitantes ocupa un lugar primordial. Unha calidade de vida que non só debe comprenderse dende unha óptica de relación entre cidadán e espazos públicos; pola contra, estase a falar tamén de potenciar esta calidade no eido privado, íntimo ou familiar, de modo que a excelencia das relacións humanas sexa contemplada tamén dende a planificación urbana.
Cidade intelixente é aquela na que na súa planificación está presente o concepto de permanencia no tempo, sen perder de vista a importancia da apropiación afectiva dos espazos por parte dos habitantes; rexeitando proxectos puntuais ou transitorios que, incluso no ámbito económico, supoñan un esforzo inútil e, as máis das veces, rematen sumándose a un conxunto heteroxéneo sen lazos de unión que identifiquen a un todo urbano.
Cidade intelixente é aquela que non dubida na distinción entre desenvolvemento e crecemento, entre progreso e ansia por chegar a unha meta apenas conocida.
Cidade intelixente é aquela que aposta pola sustentabilidade, tanto social como natural, urbana ou económica. Sabendo rendibilizar as súas potencialidades, que se atopan tamén no seu eido veciñal.
Cidade intelixente é tamén a que reducindo gastos mellora ostensiblemente a eficiencia, optimizando infraestructuras e tendo en conta as enerxías renovables.
Cidade intelixente é, en fin, aquela na que os cidadáns posúen o sentimento de pertenza ao seu barrio, á súa comunidade, e o termo identidade cobra sentido no seu devir cotiá.
Falamos, pois, dunha cidade mellor, dun concepto moderno e de futuro. De convertir un espazo primordial nunha referencia básica na calidade de vida de quen está a habitalo.