Se algo aprendín ao longo dos intensos dous anos que adiquei -no abeiro da Universidade Fernando Pessoa- ao estudio do desenvolvemento histórico e socioeconómico do casco histórico de Oporto (por certo, Patrimonio da Humanidade…) foi a disfunción existente entre os habitantes e a cámara municipal, entre a cidade vivida e a dos folletos turísticos, entre a penuria e necesidades agachadas nos espacios máis céntricos e o confort dos salóns institucionais; é dicir, entre a realidade e a fantasía.
Unha percepción que quizais non tivera demasiada importancia se só proviñese dos alleos, dos visitantes. Pero se este modo de comprender o arredor é compartido polos veciños que o habitan… o fenómeno comeza a ter un cariz, certamente, grave. E afirmo isto porque a comprensión da cidade –entendida como espacio primario que está a arrodearnos- pode rematar conformando unha determinada forma de entender o cotián que, de ser maioritaria, determinará uns específicos rasgos identitarios; nada nova esta afirmación e, por outra banda, sobradamente contrastada.
É por todo isto que -se unha pequena parte de nós é producto dese ambiente físico que nos arrodea (a veces tan degradado)- debamos valorar moi positivamente as actitudes, de carácter persoal ou colectivo, encamiñadas á consecución de melloras ou á conservación dese lugar onde transcurre a meirande parte da nosa vida. Un lugar ao que temos dereito a esixir uns mínimos de calidade, parellos tan sequera ós que atopamos traspasado o umbral da vivienda propia. Porque non é saudable –alomenos para ó espíritu- vivir na permanente esquizofrenia: dentro/fora, vivenda/espacio urbano.
Chegados a estas alturas, non vai ser o Patrimonio da Humanidade quen veña a facilitarnos as cousas (outro día quizais abunde nisto), nin os cíclicos cursos ou congresos sobre a cidade (que xa temos asistido e participado en bastantes dende hai décadas), nin os folletos rechamantes (nos que só cren os foráneos), nin os museos que se abren para as inauguracións (e logo pechan, caladiñamente), nin os “técnicos relumbrón” importados de non se sabe ónde…, coma se Ferrol e comarca fose un baleiro de profesionais axeitados. Neste momento, no que acumulamos anos de repetitivo derroche económico e imaxinativo, tempo de “hai que facer” en lugar de “comezouse xa”, navegamos nunha tesitura na que os grandes proxectos nos deixan fríos, e somos moitos os que aspiramos a que, dunha vez por todas, comecen a facerse realidade os mínimos (¡só os mínimos!) esixibles a unha cidade de oitenta mil habitantes. ¿Como cales? Non máis que aqueles que se observan en calquera vila galega de grao medio: correcta pavimentación e atención ás rúas, mantemento e limpeza permanente de parques, xardíns e medianas pertencentes ao Concello (para ver medrar “flora autóctona” podería terse evitado o gasto da construcción destas últimas); pintado-reparación-conservación do mobiliario urbano; cambio do alumbrado de estradas que teñen determinadas rúas por unha iluminación axeitada (é sinxelo: comézase por definilo e, aos poucos vaise sustituíndo); normalización da rotulación dos establecementos comerciais e retirada dalgunha, ou de toldos (non só por agresivos, senón por desvencillados e perigosos); regulamento do mobiliario das terrazas de determinados establecementos (é o mínimo esixible a quen rendabiliza privadamente o solo público); regulamento do uso das antenas de televisión nas fachadas; facer cumprir a normativa en canto á obriga dos propietarios a que manteñan cunha certa dignidade os edificios (non só os dos barrios históricos); limpeza cíclica das pintadas e implicación seria na busca dos responsables; fomento (con axudas reais) da recuperación dalgunhas das fachadas orixinais dos baixos de edificios emblemáticos (a meirande parte delas destruídas nos anos setenta); atención ao firme e pintado das estradas do municipio (e non focalizar sempre a atención nas mesmas); coidado adecentamento daqueles lugares da periferia de especial relevancia (arredores do conxunto deportivo da Malata, por exemplo); certo interese por impulsar ou obrigar á limpeza (a quen corresponda) dos cauces dos ríos que discorren polo municipio, dignificación do conxunto rural…e longo etcétera.
(Continuará…)
FERROL: POLO DEREITO Á CIDADE
Marzo 21, 2010 por Rosa Méndez