Feeds:
Anotacións
Comentarios

O NOSO PATRIMONIO ¿EN PERIGO?

 Non desexo hoxe, nin adoito querer, camiñar por futuribles ou xulgar intencións que, como tal, nada teñen que ver coa realidade, co presente. Pero, por unha vez, permítanme o desliz, no senso de adiantarme inxenuamente (?) ao que  pode chegar a acontecer.

Hai tempo que estamos a ser testigos dunha serie de actuacións que rozan o delictivo –se é que non son delictos nidios- no eido do patrimonio natural; véxase como exemplo cercano o que está a suceder no río Eume, por causas –penso eu- evitables, de terse actuado dun xeito máis respectuoso co medio. Pero agora xa foi, e a contaminación das augas –con todo o que isto conleva- a temos fronte de nós, tal e como se estívesemos vivindo hai cinco décadas, cando apenas se lle daba a “estas cousas” a “importancia” debida. ¿Cal vai a ser a solución para esta desfeita? ¿E cal será tamén para a contaminación da Ría de Ferrol? E non me estou a referir tan só aos verquidos urbanos e industriais (que niso se está, despois de décadas de denuncia), senón a estoutra, a máis perigosa: a da modificación das características das augas da ría, tanto no seu propio nivel térmico como no biolóxico, provinte das instalacións da planta de gas, por todos coñecida ¿Quen vai poñerá orde no rural antes de que –como pouco- unha crecente contaminación visual vaia inundandoo todo?

Poucos feitos caben aquí como exemplo do que está acontecer, pero tómense estes como exemplo, como botón de mostra de tanto e tanto ao que debería atenderse se, verdadeiramente, houbese desexos de protexer ese medio que nos deliña no eido da identidade e cultura diferenciada. Frase feita esta última que, entre nós, comeza xa a facérseme cansa, gastada e inútil, cando, verdadeiramente, o que me pide o corpo e berrar: Xa basta!

Mais, por se fose pouco, a todo isto hai que engadir o que nos pode chegar do futuro, dese tempo inmediato que temos aí, chamando á porta. Un futuro que non se sabe aínda se seguirá a desenvolverse nun eido onde o territorio que conforma este país (estoume a referir a Galicia) sexa un ben a defender, ou un medio no que especular. É curioso, unha grande parte dos que se enriquecen co ladrillo de forma voraz, do mesmo modo que os que permiten (ou propician) que se especule…  gustan de habitar grandes espacios abertos, sen interferencias visuais que os contaminen, ben coidados… Logo hai outros tamén, non hai que esquecelos, que se moven por derroteiros onde o kitch, o descontextualizado, a baixa calidade dos materiais, os deseños das arquitecturas-mesón no país de Hansel e Gretel ocupan lugares preponderantes. É evidente que apenas atopamos nalgún destes dous especímenes un mínimo de sensibilidade cultural, ou respecto polo que debería serlles propio. O valor económico prima sobre o identitario, o persoal sobre o  social, o presente sobre o futuro, os ingresos fáciles sobre outros a medio prazo, a ignorancia sobre o coñecemento… e longo etcétera. E pechando a procesión temos aos que mercan os productos da especulación, mirando cara outro lado e abroaindo o sentimento insolidario de: “Total, por un máis…”

Por iso, porque non sempre o ser humano é quen de autoaturarse, son precisas normas, leis que democraticen a vida social, que non permitan lapsus nin escorrentías comenenciudas. Pero esas leis, esas normativas, non son inocentes, lonxe disto. Pola contra son elaboradas por unhas determinadas persoas que, no eido político, están no camiño dunha ideoloxía determinada. E da medo pensar o que pode ocorrer se a ideoloxía comparte clube coa economía; se o político (ou política) convive estreitamente co constructor, a constructora, o director da empresa, a conselleira de administración, o director xeral do banco, a presidenta da fundación…

Se comezaba dicindo que, alomenos no tema da non-protección do patrimonio, non adoito camiñar por futuribles, non quero rematar desdicíndome de tal afirmación. Pero permítanme hoxe –só hoxe- que un certo medo me asalte cando penso que está a rematar a moratoria que prohibe construír na franxa de cincocentos metros das costas galegas; unha prohibición sensata e respectuosa que –non nos enganemos- chegou ben tarde, tendo en conta as desfeitas das que viñamos sendo testigos desde hai anos. E sí, dame arrepío que cambien as cousas e volvamos ás andadas; porque sempre haberá quen presione, quen argumente, quen chore… polos pasillos de San Caetano. E máis agora que, co argumento da crise, pode formarse un totum revolutum no que os goles vaian entrando pola esquina, pola banda e ata polo palco de autoridades, se fai falla.

E cos cambios na lei de costas poden ir tamén outros relativos á língua, por aquilo de facer compaña. Dous exemplos ben nidios do que pode ocorrer, pero tamén dous exemplos da falta de normalidade que nos arrodea, ao existir determinadas cousas que, se estiveran interiorizadas na cultura, non tería sentido que fosen utilizadas  unha vez si, e outra tamén.  Agardemos que estea a equivocarme.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

VIVIR NA MAGDALENA

Confeso que non podo ser especialmente neutral, cando para min a Magdalena significa moito máis que un barrio de Ferrol. E afirmo isto porque nacín na rúa da Igrexa, separada da ría por un edificio de Ucha e a rúa de Circunvalación (si, tamén Irmandiños), e foi nese barrio onde esparexín a primeira fala, os primeiros xogos, as grandes e os grandes amigos, o tempo da adolescencia, a xuventude e longo etcétera, presumiblemente suposto por quen me le. Por outra banda, o interese histórico e arquitectónico non podo menos que postergalo en favor dos seus veciños; un conxunto de persoas que, sen lugar a dúbidas, debería ser o primeiro a ter en conta no momento de levar a cabo un planeamento deste territorio. Porque son eles quen, verdadeiramente, dotan á Magdalena de sentido e, fundamentalmente, de vida e autenticidade.

Hai tempo xa que pasou de moda o feito de considerar estes lugares antigos como “museos” de portas abertas as vintecatro horas do día. Uns museos gratuítos para o visitante, pero pagados polo habitante. Lugares cheos de vida nas bandas horarias comercias, pero que co paso do tempo foron coñecendo o esmorecemento a partires das oito da tarde; basta pasear polas rúas a partires das dez da noite ou os fins de semana para comprobar o que digo. Barrios con vocación de centros comerciais, pero totalmente desmotivados no eido da vida cotiá dos veciños.

É por algunha destas cousas, aínda quedan outras, polo que a vida deste barrio foi perdendo atractivo para unha boa parte dos seus veciños. Feito que, consecuentemente, levou-leva ao seu despoboamento e grande deterioro. Por poñer algúns exemplos: trala dinámica das equivocadas e drásticas peatonalizacións, ¿alguén pensou en reservar algunhas prazas de aparcamento para residentes? Se estamos nun barrio fondamente terciarizado, non se esperará que os veciños garden os coches nas oficinas bancarias, nin nas zapaterías… ou merquen  baixos a prezos de solo comercial. Indo máis alá, ¿saben realmente os que planifican cáles son as diferentes tipoloxías sociais existentes neste lugar? A modo de síntese, baste recordar que estamos nun barrio habitado, nunha alta porcentaxe, por persoas que sobrepasan os cincuenta e cinco anos, e nas que se inclúe unha ampla banda de poboación envellecida, cuns recursos medio baixos. Persoas ás que non se lles pode “presionar” de contino para que se vexan obrigados a utilizar os aparcamentos públicos, coma se fosen un visitante calquera que ven mercar á Magdalena ou a realizar determinadas xestións. Certamente, a consideración de ambos cidadáns non debe ser a mesma. Por poñer outro exemplo, estamos sempre a falar de atraer poboación nova a estes lugares coa fin de que non se convertan en barrios degradados e periféricos, pero ¿e que unha familia nova con dous fillos non vai ter en conta os problemas de mobilidade e aparcamento que supón vivir nun lugar destas características?

O que pretendo dicir con todo isto é que os barrios son lugares para ser disfrutados, primeiramente, polos que os habitan e para isto é necesario saber desas persoas, ter en conta as súas necesidades e, por suposto, non crearlles inconvenientes de nova planta.

Se a todo isto sumamos un deterioro que se ven arrastrando dende hai décadas, sen que nada semelle anunciar o seu fin, atopámonos ante un dos (se non o máis) barrios antigos máis degradados arquitectónicamente -e con permanente perda de poboación- de toda Galicia. Un lugar que se vai enchendo fachadas con lonas verdes, para rubor de todos, e que entre incendios e derrubamentos comeza a ser célebre máis alá de Pedrafita do Cebreiro; baste ler os diarios de fora de portas, da última semana. ¿Solucións? En principio rematar drasticamente coa desidia, a impotencia económica ou a especulación que se agachan tras eses edificios que ameazan ruína. E non basta con ter posto un cartel de “Se vende”, hai que vendelos ou arregalos nun tempo límite. De non ser así, o concello ten armas dabondo para darlle a volta á situación -expropiación incluída-, aínda que só sirva como medida disuasoria e exemplarizante para outros propietarios. Pero tamén hai que dar exemplo; é impropio dun barrio como este (ou calquera outro)  a presencia de edificios municipais en claro estado de deterioro, cando deberían ser imaxes onde atopar o pulso dese goberno que pretende dirixir a cidade; un exemplo puntual: ¿E que ninguén vai dar orde de pintar a fachada do Centro Cultural Torrente Ballester? O lugar máis representativo da relación arte-cidade de Ferrol. E longo, longo, longo etcétera.

Por último, é curioso, en Santiago hai un derroche de inversións procedentes de múltiples institucións, de Pontevedra afirmou recentemente o Presidente da Xunta: “Ninguén a recoñecerá dentro de cinco anos”… ¿e que Ferrol non existe para a Administración galega? ¿Ou é que os nosos políticos non teñen peso dabondo máis alá do concello?

O problema é moito máis complexo, pero aquí queda un esbozo; que cada quen engada aquilo criticable e mellorable que o arrodea e quizais, entre todos, teñamos diante as verdadeiras dimensións deste grave problema que preocupa a boa parte dos ferroláns.

 

 

Older Posts »